Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Fene promove un Nadal solidario coa colaboración de varias entidades


Servizos Sociais distribuirá mañá 45 menús de Noiteboa
O Concello de Fene, en colaboración coa entidade Dignidade Ferrol repartirá o xoves día 24 de decembro 45 menús de Noiteboa para aquelas persoas e familias que están a pasar por unha situación de precariedade, que en moitos casos se viu agravada pola situación provocada pola COVID-19. Ademais a Concellería de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade do Concello de Fene quere agradecer a todas as persoas e entidades que colaboraron nestas datas dun xeito desinteresado co Concello, achegando solidariedade nun momento tan especial como é o Nadal.

Neste sentido, desde a concellaría recoñécese o labor da Asociación de Técnicos Auxiliares de Farmacia de Ferrolterra pola doazón de paquetes de bombóns, que serán entregados ás familias no reparto de alimentos do vindeiro 30 de decembro.

Tamén se lle quere trasladar a gratitude municipal ao IES de Fene pola campaña de recollida de xoguetes e alimentos realizada entre todo o alumnado desde o 14 de novembro até o 21 de decembro.

A Concellaría de Servizos Sociais agradeceu, ademais, o labor da ASCM polo servizo de voluntariado que está a realizar na campaña “En tempos de Covid botámosche un cable!”, dirixida á veciñanza de Fene que precise acompañamento telefónico e co obxectivo de evitar ou combater o illamento social.

Por último, o Concello tamén reiterou o seu agradecemento a Protección Civil de Fene pola colaboración para a recollida destas doazóns, e a súa posterior entrega en Servizos Sociais.